Contidos
  Introducción     Obxectivos     Metodoloxía     Banco de datos     Bibliografía     Contacto     WEB CCSS MONTOJO     Reseñas  
Capítulo 1
Capítulo 2
Capítulo 3
Capítulo 4
Capítulo 5
Capítulo 6
Capítulo 7
Capítulo 8
Capítulo 9
Capítulo 10
Capítulo 11
Capítulo 12
Capítulo 13
Capítulo 14
Capítulo 15
Capítulo 16
Capítulo 17
Capítulo 18
Xeral:
Home page

Capítulo 9

Pagina nueva 1

9.     O MOVEMENTO FEMINISTA E O MOVEMENTO OBREIRO.

 

A nova sociedade de clase que se configurou paralelamente á industrialización e ao desenvolvemento capitalista, a conflictividade social foi moi importante dando lugar ao nacemento de organizacións que loitaron para conseguir melloras salariais e laborais para a clase traballadora.

Os obreiros e traballadores industriais e do campo foron organizándose progresivamente e empregando medidas de forza e de presión para reivindicar o que nin os patróns nin as leis lles concedían de bo grado. Para logralo, asociáronse; primeiro en organizacións de defensa dos intereses puramente laborais (mellora dos salarios, reducción da xornada, seguridade no traballo), para pasar máis tarde ás reivindicacións máis globais de transformación da sociedade segundo os modelos defendidos polas principais ideoloxias inspiradoras das organizacións obreiras: anarquismo e socialismo marxista. O conxunto destas actividades recibe o nome de movemento obreiro.

Todos os colectivos de traballadores experimentaron unha dureza nas súas condicións de vida nos inicios da industralización. Para algúns deles, como os colectivos de mulleres e nenos, resultaron especialmente penosas. Nos campos, fábricas e minas, o emprego de man de obra infantil e feminina foi moi abundante; o menor salario que recibían animou a súa contratación por uns patróns desexosos de obter elevados beneficios.

Este novo ámbito de actividade non mellorou a condición feminina; a integración das mulleres ao traballo industrial foi moi pronta. A mediados de século, na industria téxtil algodoeira de Cataluña constituían o 40 por 100 da man de obra nos obradoiros cataláns. No caso de Galicia a man de obra feminina emprégase na industria conserveira, por exemplo, industria conserveira de Vigo ou na fábrica de tabacos da Coruña, con durísimas condicións laborais. En conxunto, a taxa de actividade feminina era do 70 por 100 en 1877. Os seus salarios –que non superaban o 50 ou 60 por 100 do salario dos homes- eran fundamentais para a supervivencia da familia.

Aínda que a muller vai incorporándose ao mundo laboral en traballos desempeñados tradicionalmente por homes, segue discriminada dende o punto de vista social (sometemento ao home), xurídico (recoñecemento legal dunha condición inferior ao home) e laboral (a igual traballo, menor salario). O camiño que as mulleres tiveron que andar para acadar a igualdade aínda non está concluído, pero arrancou con decisicón e firmeza a partir das primeiras décadas do século XX.

Os movementos feministas e sufraxistas estiveron dirixidos por mulleres de procedencia burguesa. A pesar de que os planteamentos feministas eran interclasistas, a súas ideas non lograron penetrar amplamente nos ambientes obreiros. Nin feministas, nin sufraxistas conseguiron xamais movilizar amplamente ás mulleres traballadoras.

Os sindicatos mostrábanse receosos ante o traballo remunerado das mulleres. Lemos nunha revista anarcosindicalista da época:

“...é un feito probado que nos traballos nos que a muller lle pode face-la competencia, o home gaña un xornal máis reducido que naqueles outros no que esta competencia non é posible; de modo que o obreiro, aínda que só fose por egoísmo, debería tratar de quita-la muller do taller ou da fábrica para que puidese dedicarse única e exclusivamente ás tarefas domésticas...” “El Déficit del trabajador”, Acracia, 1887.

Malia disto, xurdiron dirixentes feministas no movemento obreiro como Teresa Claramunt (1862-1931), obreira téxtil de Sabadell, fundadora da revista anarcosindicalista El productor e dunha Federación de Obreiras. Foi líder destacada na folga xeral de Barcelona de 1902 e autora de La mujer, consideraciones sobre su estado ante las prerrogativas del hombre (1891).

O papel que os gobernos e a sociedade outorgábanlle á muller limitábase a súa función doméstica. Pompeu Gener en La Vanguardia 26 de febreiro 1889 di: “...en si mesma, a muller non é coma o home, un ser completo; é só o instrumento da reprodución, a destinada a perpetuar a especie...”

Isto entraba directamente en contradición coa realidade de moitas mulleres da clase traballadora.

Os ideólogos do primeiro movemento obreiro, na primeira metade do século XIX, mantiveron posturas contradictorias respecto á igualdade de dereitos da muller. Ferdinand Lasalle (1825-1864), Pierre-Joseph Proudhon (1809-1865). Este último afirmaba que unha muller igual ao home significaría “a fin da institución do matrimonio, a morte do amor, a ruína da raza humana”. O lugar ideal para a muller é o fogar, para Proudhon as cousas estaban claras: “non hai outra alternativa para as mulleres que a de ser amas de casa ou prostitutas”. Porén foron Karl Marx (1818-188 ), Friedrich Engels (1820-1895) y August Bebel  (1840-1913) os que estabeleceron as bases do pensamento socialista sobre a “cuestión da muller”.

Engels no seu libro A orixe da familia, a propiedade privada e o Estado (1884) equiparaba a dominación de clase coa dominación da muller polo home. Porén, para el como para Marx a emancipación da muller só se realizaría tras unha revolución socialista que liquidara o capitalismo. Por consecuencia, a loita das mulleres debía subordinarse, ou como moito ir unida, á loita de clases, xa que, de feito, non había diferenza algunha de obxectivos. Para Marx e Engels, a igualdade política entre os sexos era unha condición necesaria para a plena emancipación da sociedade. Ademais, os fundadores do socialismo científico entendían que a base fundamental da emancipación feminina era a súa independencia económica fronte ao home.

August Bebel, dirixente socialista alemán escribiu dunha forma espectacular sobre a muller no seu libro A muller e o socialismo (1879).

Dentro tamén da corrrente do socialismo alemán está a figura de Clara Zetkin (1857-1933), creadora do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo. Foi a gran propulsora do feminismo na Segunda Internacional ou Internacional Socialista.

 


Printer-friendly version