|
Pagina nueva 1
A
sublevación nacionalista do 18 de xullo de 1936, deu paso a unha cruenta guerra
civil de tres anos que imposibilitou o exercicio pacífico do sufraxio electoral,
tanto para os homes como para as mulleres. A fin da contenda, coa victoria dos
sublevados, non fixo máis que prolongar a “longa noite de pedra”, en palabras do
poeta galego Celso Emilio Ferreiro, durante case 40 anos, baixo a dictadura do
xeneral Franco.
O
réxime franquista reduciu as convocatorias electorais aos plebiscitos
previamente orquestrados polo réxime, ao servizo da súa propia permanencia no
poder. Pero incluso baixo a peculiar configuración de “democracia orgánica”, con
eleccións a Cortes de representatividade limitada a un só terzo, chamado de
designación familiar, cos outros dous terzos acaparados polo réxime, un para o
partido único e o outro para a súa organización de sindicatos verticais
corporativistas, a muller non foi relegada de forma completa, sempre que
cumprira as restrictivas condicións de “cabeza de familia”; exclusión que non se
estendeu á convocatoria dos referendos, onde as mulleres –casadas e solteiras-
maiores de idade, puideron votar tan “libremente” como os homes, isto é, sen
ningunha liberdade.
Trala
longa paréntese da dictadura, o pleno acceso da muller á política como electora
e elixible non foi algo que resultara totalmente estraño nas leis españolas, xa
que tiñamos o antecedente da II República. Así tanto no referendo para a Reforma
Política convocado por Adolfo Suárez en decembro de 1976, como nas primeiras
eleccións democráticas xerais de xuño de 1977, con plenitude de partidos
políticos libres e recoñecidos, as mulleres españolas gozarán do pleno acceso ao
voto, sen exclusións de ningún tipo. Un dereito que dende entón viña exercendo
ata hoxe con naturalidade e responsabilidade, lonxes dos tópicos e as pantasmas
denantes, cunha tendencia que resulta imposible de diferenciar respecto á
exercida polos homes. O voto feminino foi pois, un factor máis de estabilidade e
equilibrio no proceso da normalización política española, dende a transición ata
os nosos días, exercido por todas as mulleres como un dereito máis, con toda
normalidade, responsabilidade e ilusión. Só quédanos confiar e desexar que as
xeracións futuras poidano exercer exactamente igual.
|
|