Contidos
  Introducción     Obxectivos     Metodoloxía     Banco de datos     Bibliografía     Contacto     WEB CCSS MONTOJO     Reseñas  
Capítulo 1
Capítulo 2
Capítulo 3
Capítulo 4
Capítulo 5
Capítulo 6
Capítulo 7
Capítulo 8
Capítulo 9
Capítulo 10
Capítulo 11
Capítulo 12
Capítulo 13
Capítulo 14
Capítulo 15
Capítulo 16
Capítulo 17
Capítulo 18
Xeral:
Home page

Capítulo 4

Pagina nueva 1

4.     OS VALORES DA CONSTITUCIÓN COMO SUSTRATO DOS DEREITOS CIDADÁNS: A DIMENSIÓN ÉTICO-POLÍTICA DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA DE 1978.

 

En contra do que a meirande parte da xente pensa, a constitución que actualmente temos (1978) non é un caso illado dentro da historia de España. O noso país, tivo unha historia contemporánea moi axitada, mais nesa historia houbo diversas constitucións, nas que se pode ver un desenvolvemento progresivo do espírito democrático e do respeto aos dereitos individuais. Este desenvolvemento culmina na constitución de 1978, que se pode dicir que recolle a tradición e  realízaa plenamente. Coa constitución de 1978 pódese dicir que culmina, alomenos polo momento, a historia do constitucionalismo español. Neste marco constitucional e nos valores que sustentan o actual sistema constitucional é no que deben entenderse o presente desenvolvemento, non só formal senón tamén substantivo, dos dereitos da muller. Por iso imos realizar unha análise global dese substrato valorativo da constitución española, porque só dende esta análise entenderase a actual vixencia deses dereitos.

O que caracteriza á constitución de 1978 fronte ás que se deran anteriormente, é que mentras estas –aínda que democráticas- soían ser resultado da imposición da ideoloxía do partido dominante, porén, a de 1978 é resultado dun pacto entre forzas políticas diversas tras 16 meses de debates, e  basouse nun sistema de consenso, é dicir, “eu cedo nestas esixencias miñas, se ti cedes nesas outras túas”.

As forzas políticas que interviñeron na redacción da constitución española e cuxa ideoloxía quedou reflectida nela, foron por unha banda de dereita e de esquerda, e por outra, os rexionalistas e non rexionalistas. A ideoloxía da constitución é unha mestura de todas esas posicións.

Mentres se redactaba a constitución houbo moitas pelexas e rupturas entre os representantes destes grupos políticos, sobre todo, no tocante ao título VIII, que era o referido ás autonomías.

Na maioría dos temas logrouse un acordo entre todos os grupos políticos que participaban na redacción da constitución, sempre, claro está, que cederan un pouco cada un nas súas esixencias. Como dixemos, o que os enfrentou foi a cuestión das autonomías, chegando incluso ao extremo de que na votación final da constitución, os deputados do PNV abstivéronse e os de Esquerra Republican de Catalunya votaran en contra, mentres no Senado votaron en contra algúns senadores do grupo vasco e abstivéronse outros deste mesmo grupo e de Euskadiko Eskerra. A oposición destes grupos fíxose notar no feito de que no Referendo para aprobar a constitución realizado o 6 de decembro de 1978 no País Vasco non se logrou a maioría, é dicir, gañaron os votos afirmativos pero non por maioría. Isto pode explicar que o arraigo do respecto á constitución e a súa valoración como vehículo de convivencia sexa menor nesta zona onde a súa aprobación non foi todo o unánime que houbese sido desexable.

En todas as constitucións, e tamén na española, pódense distinguir tres elementos que as forman:

1.- en primeiro lugar, unha serie de valores morales e de dereitos que a constitución recomenda e defende (“teito ideolóxico”).

2.- en segundo lugar, un determinado tipo de organización xurídica e política que en cada constitución é diferente e

3.- en terceiro lugar, un determinado modelo de sociedade e de organización desta que se quere construír; ao conxunto de todas estas cousas chamaselle “fórmula política” dunha constitución. A fórmula política da constitución española pódese resumir na frase “Estado social e democrático de dereito”. Isto implica respecto ao primeiro punto que se defenden valores democráticos, ou sexa, baseados na liberdade e responsabilidade dos individuos; respecto do segundo punto, implica que a organización xurídica, (como se fan as leis) e política (como se goberna) depende dun parlameno, surxido tamén da vontade de cidadáns ceives; e con respecto do terceiro punto, implica que a sociedade estará organizada dun xeito mixto, é dicir, intermedio entre as sociedades comunistas e as capitalistas; é dicir, a economía e a sociedade son libres e dominadas pola iniciativa privada, pero o Estado resérvase certos campos que domina el e trata de que a iniciativa privada non prexudique aos demais. (Isto é o que di a constitución, que logo se cumpra ou non é outra cuestión moi diferente). A este tipo de sociedade coñecémola como  “Estado do Benestar”.

Nós aquí imos ver fundamentalmente os valores que intenta promover a constitución e do modelo de sociedade e de economía. A isto poderíamolo chamar a Ideoloxía da Constitución. O sistema xurídico e político da constitución española podería ser tema para outro traballo.

A ideoloxía da constitución española permite cualificala de Democrática. Esta palabra utilízaa todo o mundo pero poucos saberían definirla exactamente. Intentémolo.

Para que un Estado e a súa constitución sexan democráticos a soberanía, o poder de decidir o destino do país e dos asuntos públicos, debe estar no pobo, no conxunto dos cidadáns. En segundo lugar debe darse nese Estado o que se chama “o imperio da lei”, é dicir, que a lei funcione e se aplique igual para todos. Por último, o sufraxio debe ser universal e sen restricción algunha, pois todos os cidadáns deben poder manifestar a súa liberdade sinalando nas votacións como pensan que deben dirixirse os asuntos públicos.

A Democracia española é representativa e non directa, é dicir, para cada cuestión non se consulta aos cidadáns, senón aos representantes que estes elixiron e que se renovan cada catro anos. Non obstante, para cuestións especialmente importantes que afectan a toda a comunidade en vez de decidir os representantes  pregúntase a todo o pobo por un Referendo. Ademais disto, se os cidadáns non están de acordo con algunha decisión dos seus representantes, poden propoñer que no congreso se vote en contra dela sen esperar ás eleccións por medio da Iniciativa Lexislativa Popular, para a que necesitan 500.000 sinaturas.

En resumo, para que un Estado e a súa constitución sexan democráticas han defender o pluralismo (a aceptación de ideas e costumes diferentes aínda que respetuosas unhas con outras), a liberdade e a igualdade. Todo isto aparece na constitución española, polo cal podemos dicir que vivimos baixo unha constitución democrática. (pero non basta con ter unha constitución democrática senón que hai que levala á práctica; só así poderemos dicir que vivimos tamén nun país democrático: non basta con dicir que segundo a constitución todos os cidadáns son iguais, gozan das mesmas posibilidades mínimas, senón que o Estado –para seren democrático- ten que lograr que tales condicións se dean de feito. Isto é o que dende un punto vista ético e filosófico-político pódese dicir do que debe ser un Estado Democrático. Ter unha constitución democrática non é senón o primeiro paso –aínda que quizais o que inicia a marcha- para a construcción dunha sociedade e un estado democráticos.

Unha constitución democrática como a española por mor ten que defender unha serie de valores ou ideais morais e rexeitar outros. Vexamos cales son os que defende a española.

Os catro ideais ou valores morais que defende a constitución son:

-                          Liberdade

-                          Xustiza

-                          Igualdade

-                          Pluralismo político ou tolerancia (art. 1.1.)

A liberdade considera aos cidadáns como responsables e donos do seu destino; a igualdade quere garantir as condicións mínimas para que os cidadáns realicen a súa personalidade; a xustiza consiste no logro da igualdade en liberdade; e a tolerancia dixemos que é o respecto ás ideas e condutas alleas que permitirá desenvolver a liberdade, a igualdade e a xustiza.

Todos estes valores baséanse a súa vez na idea de que os seres humanos posúen unha dignidade, uns dereitos inviolables, entre eles o do libre desenvolvemento da súa personalidade, e unhas obrigas tamén básicas: o respecto á lei e aos dereitos alleos.

Agora ben, a constitución española non deixou á sorte ou a casualidade o logro de estes valores ou ideais morais, senón que sinala uns mecanismos políticos e económicos que deben axudar a logralos.

O máis importante é o principio de legalidade que significa que toda conducta política ou económica debe estar dentro da lei.

En segundo lugar, todas as leis e normas deben ser públicas e o seu coñecemento debe ser accesible a todos.

En terceiro lugar, as sentenzas en contra nosa son irretroactivas, temos unha seguridade xurídica garantida polo estado (avogados de oficio, habeas corpus, prazo máximo de detención) que entre outras cousas protéxennos das decisións arbitrarias do propio poder político.

Dende o punto de vista económico os dous mecanismos que han posibilitar o logro dos valores fundamentais son o de igualdade de todos ante os impostos, que significa que todos temos que colaborar obrigatoriamente e de xeito proporcional a nosa riqueza, na financiación do Estado, e, en segundo lugar, o principio de solidariedade entre todos os españois, pensando sobre todo para que non haxa regións máis privilexiadas cás outras.

Todo isto que poderiamos chamar a Ideoloxía ou Filosofía da constitución realízase porque existen certas institucións en torno ás cales organízase toda a vida constitucional española: o Estado democrático de soberanía popular, o Estado de Dereito, gobernado pola lei, a Monarquía parlamentaria, e o Estado autonómico, que fomenta as raíces propias dentro dun proxecto común de vida. Con isto queda resumida a “Ideoloxía moral” da constitución. Imos tratar agora certas cuestións moi concretas referentes a esta.

A utilidade da constitución de 1978 para España procede de que serviu para renovar e modernizar o sistema político español, ou para transformalo radicalmente cando era necesario.

A constitución creou, cousas novas que xamais se derán en España: organizou mellor os partidos políticos co fin de que cumpran a función de interese público para a que están pensados; creou o voto de censura constructivo para protexer ao pobo dun goberno equivocado; creou o Defensor do Pobo, cuxo nome di para que serve.

No plano social favoreceu a creación de colexios profesionais, é dicir, de asociacións de persoas dunha determinada profesión, para que estas podan participar na vida comunitaria dentro da lei.

Pero a innovación máis importante foi a obriga de todos os poderes públicos de someterse á constitución, o que permite evitar o problema clásico en España de que o pobo estaba sometido a unha lei que os gobernantes non respectaban.

Agora ben, a constitución española, aparte de inserir cousas novas, serviu para transformar as xa existentes: a primeira tarefa de transformación social que favoreceu a constitución española foi a loita por conseguir unhas auténticas condicións  de liberdade e igualdade por parte de todos os españois, así como para lograr que participen activamente na vida pública. (Non tería ningún sentido que a constitución defendera a igualdade e a liberdade se non pon os medios necesarios para elo.)

Un dos procedementos claves para transformar a vida española é a economía. Vexamos que é o que di a constitución acerca da organización da economía. Xa que esta área será unha das fontes máis salientables de desigualdade entre homes e mulleres.

A constitución española é o resultado dun pacto entre forzas políticas diferentes, no plano económico mostra opinións de dous clases. Nalgúns momentos se propugna un Estado do benestar que dá máis importancia ao beneficio social que ao individual, e outras  propúgnase un modelo neoliberal que dá moita importacia á iniciativa privada.

O modelo económico de primacía social obsérvase en que se impón ao estado e as forzas económicas unha serie de obrigas respecto ao conxunto da sociedade: utilizar racionalmente os recursos naturais, protexer e mellorar a calidade de vida e o medio ambiente, e o máis importante, manter un réxime público de seguridade social digno e eficaz. Ademais disto, o Estado intervén directamente na economía en prol de toda a sociedade mediante as Empresas públicas e mediante a planificación da economía por lei e á que está subordinada a liberdade de empresa.

O estado favorecerá ademais todos aqueles medios que permitan acceder aos traballadores á propiedade dos medios utilizados para a producción. (Protección das cooperativas).

A primacia do interese social reflíctese tamén na posibilidade que ofrece a constitución de expropiar aquelas propiedades que esquecen a súa función social. ( caso Rumasa).

Pero fronte a esta ideoloxía de “primacía social” a constitución ten en algúns momentos  unha clara ideoloxía liberal no aspecto económico: sobre todo, en canto que recoñece a iniciativa económica privada dentro dunha económia de libre mercado, é dicir, sometida á oferta e á demanda e non prioritariamente ás necesidades sociais.

En suma, a constitución dende un punto de vista económico é ambigua, pero ao final domina o componente liberal. Un caso claro é o problema do paro: a constitución di que todos os españois ten dereito a un traballo; polo tanto o Estado ten que poñer os medios para exercer o seu dereito, para acadar traballo para todos, pero como a económia española é de mercado libre, de oferta e demanda, non haberá traballo para todos. Isto é os cidadáns e cidadás españois teñen un dereito pero ninguén ten o deber de garantir o seu exercicio; esta falta de garantía suficiente dalgúns dereitos é a orixe dunha maior discriminación no caso das mulleres.

Unha vez puxemos algúns dos problemas presentados pola constitución española, imos ver agora cales son os medios que dita constitución ideou para defenderse a ela, e ao Estado español, de calquera agresión ou perigo.

Cando hai unha agresión procedente do interior ou do exterior pódense estabelecer os chamados estados de emerxencia: alarma, excepción e sitio. Estes estados pretenden facer fronte a todo aquilo que poda interrumpir o desenvolvemento normal da orde constitucional:

Catástrofes naturais,

Andazos,

Rebelión,

Invasión estranxeira,

Alteración grave dos dereitos e liberdades.

O de alarma dura 15 días, e consiste en que todas as autoridades  subordínanse ao goberno central ou autonómico.

O de excepción dura 30 días, prorrogable por outros 30.

O de sitio non ten límite e  poñeríase ante casos moi graves. Significa que o poder civil se subordina ao militar, aínda que o militar é nomeado polo civil.

O problema con todos estes mecanismos de defensa da constitución é que non fagan máis dano do que  pretenden solucionar. Para que isto non suceda se especifica na constitución que ningún dos tres estados pode interrumpir o funcionamento dos poderes públicos.

Nunha situación normal, a defensa da constitución fronte a súa posible incumprimento polos poderes públicos garantízase polo Tribunal Constitucional.

Por último, outro modo de defensa e conservación da constitución e do respecto por ela, cando cambian as circunstancias sociais ou históricas, é a posibilidade que ela mesma ofrece ser reformada.

Non obstante, cambiar a constitución é difícil e isto é así coa intención de que cada quen non a adapte aos seus intereses.

Hai dous tipos de reforma: a reforma parcial que non afecta á Ideoloxía fundamental da constitución (por maioría de 3/5 nas dous cámaras); e a reforma xeral que afectaría tamén ao núcleo da constitución (2/3 de ámbalas dúas cámaras, disólvense; as novas Cortes teñen que aprobalo outra vez por 2/3 e sometelo a referendo).

O núcleo da constitución é tan difícil de modificar porque, como foi resultado do acordo entre todos os españois debe ter estabilidade; non obstante, a constitución debe adaptarse aos cambios sociais e políticos.

Vimos que a parte fundamental da constitución española é a referida aos valores morais que defende, e aos dereitos e liberdades que os cidadáns teñen como consecuencia detes valores.

Noutros países ese reflexo dos valores éticos-políticos no marco xurídico adoptou a forma das famosas declaracións de dereitos (Virginia, Francia, etc.), pero na nosa historia constitucional as declaracións de dereitos que son a fonte e motivación das correspondentes normas e/ou leis que os protexen, e dos que surxiron, correspondentemente, as leis de protección e desenvolvemento dos dereitos da muller, sempre se incluiron dentro dos textos constitucionais.

 


Printer-friendly version