Contidos
  Introducción     Obxectivos     Metodoloxía     Banco de datos     Bibliografía     Contacto     WEB CCSS MONTOJO     Reseñas  
Capítulo 1
Capítulo 2
Capítulo 3
Capítulo 4
Capítulo 5
Capítulo 6
Capítulo 7
Capítulo 8
Capítulo 9
Capítulo 10
Capítulo 11
Capítulo 12
Capítulo 13
Capítulo 14
Capítulo 15
Capítulo 16
Capítulo 17
Capítulo 18
Xeral:
Home page

Capítulo 12

Pagina nueva 1

12.                          A MULLER NA REPÚBLICA (1931-1936).

Coa proclamación da República, en abril de 1931, a igualdade dos sexos pasou por fin a ser unha posibilidade real coa aprobación da nova constitución.

A tarefa de redactar un proxecto de constitución foille asignada en primeiro lugar a unha comisión xudicial encabezada polo avogado conservador A. Ossorio y Gallardo. O seu anteproxecto foi reixeitado e encomendouse o labor a unha comisión parlamentaria presidida polo avogado socialista Luis Jiménez de Asúa. O seu proxecto foi presentado nas Cortes o 27 de agosto de 1931 e aprobado, con algunhas modificacións, o 9 de decembro. A constitución de Jiménez de Asúa considerouse como de esquerda, mais non socialista. Estaba inspirada fundamentalmente nas constitucións de Méjico (1917), Rusia (1918) e a República de Weimar (1919).

Os compiladores do anteproxecto mostráranse máis ben cautos con respecto á cuestión da igualdade dos sexos e suxeriran a seguinte redacción:

Non poderán  ser fundamento de privilexio xurídico: o nacemento, a clase social, a riqueza, as ideas políticas e as crenzas relixiosas. Recoñécense en principio a igualdade de dereitos dos dous sexos. Clara Campoamor, deputada radical e membro da comisión parlamentaria, protestou vigorosamente de que só se recoñeza “en principio” a igualdade de dereitos, e conseguíu finalmente que se enmendara o artigo ata quedar como segue:

Non poderán ser fundamento de privilexio xurídico: a natureza, a filiación, o sexo, a clase social, a riqueza, as ideas políticas, nin as crenzas relixiosas. O Estado non recoñece distincións ou títulos nobiliarios. (art. 25).

1.     artigo 40 trataba da discriminación en postos oficiais: Todos os españois, sin distinción de sexos, son admisibles nos empregos e cargos públicos, segundo o seu mérito e capacidade, agás as incompatibilidades que as leis sinalen.

2.     artigo 46 declaraba que o traballo era unha obriga social e sería protexido por lei, que regularía os casos de seguro de enfermidade, accidente, paro forzoso, vellez, invalidez e morte; o traballo das mulleres e dos xoves e especialmente a protección á maternidade; a xornada  de traballo e o salario mínimo e familiar, etc.

3.     artigo 36 –do que falaremos máis amodo- confería os mesmos dereitos electorais ao home e á muller maiores de vinte e tres anos.

4.     artigo 53 outorga o dereito a ser deputado a todos os cidadáns maiores de vinte e tres anos sen distinción de sexo, frase que, porén, foi omitida no artigo 69, polo cal eran elixibles para o cargo de presidente todos os cidadáns maiores de corenta anos.

5.     artigo 43 trataba da familia: A familia está baixo a salvagarda do Estado. O matrimonio fúndase na igualdade de dereitos para ambos sexos,  e poderá disolverse por mutuo disenso ou a petición de calquera dos cónxuxes, con alegación neste caso de xusta causa.

En canto ao divorcio, había poucos países en 1931 nos que non se houbera aprobado unha lei ao respecto: España e Italia eran as dous principais excepcións en Europa. Porén, a lei do divorcio española, cando por fin foi aprobada (1932), era unha da máis progresistas das existentes. É difícil determinar a ciencia certa cantas persoas acolléronse á lei de divorcio e ata que punto esta foi popular entre as mulleres. Probablemente, a maioría das mulleres españolas segueron obedecendo a súa conciencia católica e tomaron nota dos sermóns e pastorais que lles advertían que si se divorciaban e voltaban a casar, ou incluso no caso de contraer matrimonio civil, seríanlles negados os sacramentos e o seus fillos serían considerados ilexítimos pola lei canónica. Aos sacerdotes que pronunciaban sermóns semellantes se lles encarceraba e multaba baseándose na Lei de Defensa da República. A dereita, naturalmente, opoñíase á lei de divorcio, e os partidos unidos na Confederación Española de Derechas Autónomas incluían a revocación da lei no seu programa. A lei suscitou moi pouco entusiasmo entre a extrema esquerda por distintos motivos. Para Jiménez de Asúa, a lei non era máis que un pobre paliativo ao gran problema da unión, cuxa solución real era a libre unión. O diario anarquista Solidaridad Obrera desprezou a lei por ser unha intervención innecesaria do Estado nos asuntos privados do individuo. Denotaba sinxelamente que había moitas persoas incapaces de resolver nin sequera o seus problemas máis persoais sen a axuda do cura que os idiotiza e do leigo, que fai isto último e...o primeiro (6 de decembro de 1931).

Se o divorcio foi obxectivo de moita controversia, foino tamén o dereito da muller a votar. O goberno provisional, nun decreto de 8 de maio de 1931, concedeu o voto a todos os homes maiores de vinte e tres anos e declarou que as mulleres e os curas podían ser elixidos para seren deputados. Nas eleccións celebradas en xuño de aquel ano foron elixidas dúas mulleres deputadas, Clara Campoamor (partido radical) e Victoria Kent (esquerda republicana): dúas mulleres dun total de 465 deputados. A finais daquel mesmo ano outra muller deputada, Margarita Nelken (partido socialista), ingresou nas Cortes. Das tres, Clara Campoamor, avogada, foi a máis asidua defensora dos dereitos da muller e desempeñou un papel importante no debate acerca do sufraxio feminino.

O anteproxecto só dera o voto á muller solteira e á viúva, proposta que defendeu A. Ossorio Gallardo sobre a curiosa base que, ata que os maridos estivesen preparados para a vida política, o sufraxio feminino podía ser unha fonte de discordia doméstica. En xeral, porén, a oposición a conceder o voto á muller, casada ou solteira, estaba baseada no medo a que non estivese aínda o suficentemente independizada da igrexa e o seu voto fose na súa maior parte de dereitas, poñendo así en perigo a existencia mesma da República. Aínda que Jiménez de Asúa compartía dito medo, pensaba que a conveniencia política non debía xustificar que se negase un dereito lexítimo que sería utilizado xuiciosamente por aquelas mulleres economicamente independentes e conscientes da súas responsabilidades sociais. Outros estaban menos dispostos a aceptar o risco. Os republicanos de esquerdas, radicais e radicais-socialistas foron os que máis se opuxeron. Despois de durísimos debates, cando o artigo 34 –que estabelecía a equiparación de dereitos electorais para os cidadáns dun e doutro sexo maiores de vinte e tres anos- foi finalmente aprobado por 161 votos a favor e 121 en contra. Votaron a favor: o Partido Socialista (agás Indalecio Prieto), a dereita e pequenos núcleos republicanos (catalanes, progresistas e Agrupación ao servizo da República); en contra, Acción Republicana, e os radical-socialistas e radical (agás Clara Campoamor e outros deputados).

As primeiras eleccións nas que participaron as mulleres foron as de 1933, e inevitablemente botouselles a culpa da victoria da dereita. Era, porén, unha conclusión un tanto superficial. Tratábase máis ben dun problema de estratexia e unidade, como se demostrou nas eleccións de febreiro de 1936  co triunfo da Fronte Popular.

En todo caso, as teses sufraxistas acababan de ter un triunfo en España. A concesión do voto, como a do divorcio, foron logros da muller no periodo republicano.A constitución de 1931 supuxo un enorme avance na loita polos dereitos da muller: artigo 23 “Non poderán ser fundamento de privilexio xurídico: a natureza, a filiación, sexo, a clase social, a riqueza, as ideas políticas, nin as crenzas relixiosas.” Artigo 36 “Os cidadáns dun e outro sexo, maiores de vinte e tres anos, terán os mesmos dereitos electorais consonte determinen as leis”. A Constitución republicana non só concedeu o sufraxio ás mulleres senón que todo o relacionado coa familia foi lexislado dende unha perspectiva de liberdade e igualdade: matrimonio baseado na igualdade dos cónxuxes, dereito ao divorcio, obrigas dos pais cos fillos...A lei do divorcio (1932) supuxo outro feito salientable na consecusión dos dereitos da muller. O réxime republicano estaba poñendo a España no terreo legal á altura dos países máis desenvolvidos no relativo á igualdade entre os homes e mulleres. Pero estes logros foron tan efímeros como o propio réxime que os posibilitara. A Guerra Civil e o novo Estado imposto trala victoria das forzas franquistas o 1 de abril de 1939 daría ao traste con todo o conseguido.

Habría que esperar ao peche dese longo paréntese de 40 anos para que as mulleres recuperaran o punto de partida que significou a conquista do voto en 1931. A dictadura franquista fixo que a muller voltara a unha situación de dominación impregnada de valores tradicionais e reaccionarios.

 


Printer-friendly version