Vostede está aquí: Capítulo 11
Voltar a: Contidos
Xeral:
A principios do século XX as únicas organizacións femininas eran as formadas por mulleres católicas de clase alta que se adicaban fundamentalmente á caridade. A primeira que se interesou polo feminismo foi a Xunta de Damas da Unión Ibero-Americana de Madrid aínda que limitaron o seus ideais ás cuentións sociais, deixando á marxe os dereitos políticos. En 1906 crearon o Centro Ibero Americano de Cultura Popular Feminina e un xornal que saía tres veces ao mes: A Ilustración da Muller, Revista Hispano Americana de Música, Letras e Artes. O primeiro número reflicte claramente o seu ideario. Contén poemas, música, historias, seccións de moda e de problemas demésticos e dous artigos sobre os dereitos da muller. O primeiro dos artigos, rexeita absolutamente a idea da igualdade de dereitos e afirma que a muller debería aspirar a ser unha colaboradora intelixente na obra magna encomendada á intelixencia masculina de ser sostenedor e salvagarda dos fillos. O segundo artigo, é un alegato contra o sufraxio feminino.
Conservadoras serán tamén as posicións da Lliga Patriotica de Dames, fundada en 1906 como sección feminina da Lliga Regionalista, o partido conservador catalán que soubo ver a conveniencia de atraer mulleres a súa causa. O obxectivo desta Lliga era formar mulleres catalanas no nacionalismo para que fosen capaces de secundar a acción dos homes do seu partido. A elas non lles corresponde o papel de electoras, pois a muller teñe que ser ante todo muller, é dicir o sostén da familia catalana, ir votar é propio e exclusivo dos homes.
No verán de 1907, co gallo do debate parlamentario sobre a reforma electoral -a primeira trala aprobación do sufraxio universal en 1890- dous grupos minoritarios presentaban enmendas en prol do voto feminino.Ningunha das propostas planteaba dito voto en igualdade co home. En 1908 deputados republicanos volven propoñer unha enmenda tamén moi limitada: poderán votar nas eleccións municipais (mais non ser elixidas) as mulleres maiores de idade emancipadas e non suxeitas á autoridade marital. A proposta é rexeitada. Porén, estas tímidas propostas non teñen a súa continuidade na sociedade e tan só algúns xornal prestábanlle unha mínima atención.
O ano 1912 será tamén unha data importante para o asociacionismo das mulleres obreiras españolas en sectores ben diversos. En Madrid fúndase a Agrupación Feminina Socialista, que buscará integrar un maior número de mulleres nas súas filas do PSOE e intentará organizar varias sociedades obreiras. O seu labor, será, en calquera caso, minoritaria.
Por outra banda, dende posicións católicas desexábase contrarrestar a influencia dos sindicatos obreiros de inspiración socialista ou anarquista, comezan a organizarse sindicatos católicos para mulleres, que experimentarán un notable crecemento ata a guerra civil.
En 1913 celebráronse na Sección de ciencias morais e políticas do Ateneo de Madrid varios debates sobre feminismo. Salientamos nestes debates a dúas mulleres: Julia P. de Trallero, que máis tarde sería secretaría xeral da Asociación Nacional de Mulleres Españolas, e Benita Asas Manterola, que xunto a Pilar Fernández Selfa lanzou aquel mesmo ano unha revista quincenal feminina: O Pensamento Feminino. O xornal adoptou unha liña conservadora e presentaba o feminismo como un movemento fundamentalmente humanitario e caritativo. Rendíase tributo ao socialismo polo seu apoio aos dereitos da muller pero criticaban que a súas doutrinas fosen materialistas, incrédulas ás doutrinas do cristianismo.
En 1918 e dentro desta liña conservadora creouse a Asociación Nacional de Mulleres Españolas (ANME) que se convertiría na asociación feminista máis importante de España. A integraban un grupo heteroxéneo de mulleres de clase media, mestras, escritoras e mulleres de profesionais , salientamos neste grupo a Benita Asas Manterola, Clara Campoamor, Elisa Soriano, María de Maeztu, Julia Peguero e Victoria Kent. Nas súas actuacións intentarán coordinar o seu labor coa doutras mulleres de España e así, coa Liga para el Progreso de la Mujer e La Sociedad Concepción Arenal de Valencia e La Progresiva Femenina e La Mujer del Porvenir de Barcelona, integrarase no Consejo Supremo Feminista de España.
Isto foi posíbel grazas a un certo cambio social, por exemplo, varias medidas no campo da educación e o feito de que varios países concederan o voto á muller nos anos inmediatamente posteriores a fin da I Guerra Mundial. As medidas tomadas no terreo educativo refírense ao libre acceso da mulleres a certos postos profesionais, sempre que posúa o título académico esixido. Tamén se permite o seu acceso en todas as categorías de auxiliar , así como o seu ingreso no servizo técnico, sempre cos mesmos requisitos de aptitude dos homes. O mundo da Universidade e da administración pública quedaba aberto para as mulleres.
Aínda que ANME aseguraba ser de centro, libre dos extremismos de dereita e esquerda, inclinábase claramente cara á dereita. O seu programa era amplo sin ser radical nin anticatólico e nacionalista. Pedía a reforma do Código Civil, a supresión da prostitución legalizada, o dereito da muller a ingresar nas profesións liberais e a desempeñar certos cargos oficiais, igualdade salarial, a promoción da educación e un subsidio para a publicación de obras literarias escritas por mulleres.Tamén se pedían medidas para axudar á muller da clase obreira, aínda que estas tendían a estar inspiradas por un sentido do deber cristián e non por un verdadeiro sentido de solidariedade. En realidade ANME pertencía totalmente á clase media e concentrouse no labor de mellorar as condicións das mulleres da súa propia clase. Aínda que o voto non estaba explicitamente incluido no seu programa, ANME estaba en prol do sufraxio feminino. Por contra non figuraba o divorcio, nin o aborto nin o control da natalidade nin a supresión do concepto de ilexitimidade.
É difícil determinar o grao de influencia exercido por ANME e ata que punto foron responsables de certas melloras na posición da muller. A realidade é que o progreso dos dereitos da muller ata 1931 foi amodo; ata a República non se logrou melloras importantes e estas non poden atribuirse ao resultado da presión directa exercida por ANME nin por outro grupo feminista.
En paralelo á ANME fúndase tamén en Madrid a Unión de Mujeres de España (UME) como unha opción interclasista e aconfesional, mais de matiz máis de esquerda e preto do PSOE.
Outras organizacións son: a Juventud Universitaria Feminista (1920), aquí xoga un papel moi activo Victoria Kent, Elisa Soriano e Clara Campoamor. Acción Femenina, creada en Barcelona. Cruzada de Mujeres Españolas, aquí desenvolve unha importante actividade a xornalista Carmen de Burgos e ademais esta organización é responsable da primeira manifestación pro sufraxio en España.
A igrexa terá tamén a súa propia versión do feminismo. En 1919 créase a Acción Católica de la Mujer. O seu ideario reafirmaba o papel tradicional da muller esposa-nai que debían nutrir o ideal de feminismo no que o primeiro dereito que a muller debía esixir era o dereito ao amor, á institución dunha familia e dun fogar.
O sistema político da Restauración entra en crise e o golpe de Primo de Rivera o 13 de setembro de 1923 acabou definitivamente con el. Primo de Rivera demostrou un interese paternalista polos dereitos da muller e fixo determinadas concesións que non cambiaron moito a súa posición. Aínda que temos que dicir que foi a dictadura a que lle concedeu os primeiros dereitos políticos ás mulleres. O Estatuto Municipal (1924) outorgaba o voto ás mulleres nas eleccións municipais con moitas restriccións. Logo co gallo dun novo plebiscito, organizado pola Unión Patriótica para mostrar a adhesión ao réxime no seu terceiro aniversario, permitiuse o voto aos españois maiores de 18 anos sen distinción de sexo. Por último, na Asemblea Nacional, constituida en 1927 nun intento de dar ao réxime un aspecto pseudodemocrático, reservaronse algúns escanos para mulleres elixidas de forma indirecta dende concellos e deputacións.