Vostede está aquí: Capítulo 10
Voltar a: Contidos
Xeral:
Durante o século XIX e principios do XX, o feminismo español tivo como movemento social un menor desenvolvemento que na maioría dos países desenvolvidos europeos. No noso país a existencia dunha sociedade arcaica, con escaso desenvolvemento industrial, cunha forte ascendencia da Igrexa Católica e forte xerarquización de xénero en todos os ámbitos da vida social, deu lugar a que o feminismo tivera durante o século XIX unha menor presencia e influencia social que noutros países. Nun país no que a práctica política estaba circunscrita a unha minoría social (voto censatario) e no que as prácticas electorais (manipulación das eleccións) e o protagonismo do exército (pronunciamentos) marcará a dinámica política, non nos debe estrañar que o primeiro feminismo non se centrara en reivindicacións políticas, como o dereito de sufraxio, senón que se basará en demandas sociais, buscando o recoñecemento do seus roles sociais como tal xénero feminino (maternidade e coidado da familia) e na esixencia dos dereitos civís.
O feminismo en España sempre estivo máis centrado en reivindicacións de tipo social, como o dereito á educación ou ao traballo, que en demandas de igualdade política. Xamais adoptou a acción directa violenta como estratexia de combate nin alcanzou un grao salientable de militancia. En consecuencia, o eco social das feministas españolas foi moi reducido.
O modelo de xénero estabelecido na sociedade liberal española garantía a subordinación da muller ao varón e fixaba unhas pautas moi estrictas para a súa actuación social.
O sistema de dominación, moi xerárquico, actuou en dous niveis:
1.- Unha lexislación baseada na discriminación da muller: Os Códigos Civil (1889), Penal (1870) e de Comercio (1885).
2.- Un control social informal moito máis sutil e, polo tanto, máis eficaz. O dominio do xénero masculino baseabase na idea da “domesticidade” que estabelecía os principais arquetipos femininos: “anxo do fogar”, “nai solícita”, “doce esposa”, etc..., a súa función social e o seu código de conducta.
A finais do século XIX, a subordinación da muller era xustificada baseandose nunha suposta inferioridade xenética: a función reprodutora convertía á muller nun ser pasivo, inferior, incompleto, e, en resumo, nun mero complemento do home, é dicir, do ser intelixente.
Esta opinión non era exclusiva dos grupos máis conservadores ou reaccionarios do país. O escritor catalán, Pompeu Gener, ideoloxicamente adscrito ao republicanismo federal e, por consecuencia, ligado aos sectores máis progresistas do país, afirmaba o seguinte:
“En si mesma, a muller, non é coma o home, un ser completo; é só o instrumento da reprodución, a destinada a perpetuar a especie; mentres que o home é o encargado de facela progresar, o xerador da intelixencia, (...) creador do mundo social.”
No terreo educativo foi onde máis avanzou o feminismo español. As iniciativas do Krausismo (1850) e da Institución Libre de Ensinanza (1876) buscaban un avance na educación, na ensinanza e na cultura feminina. Non faltan realizacións prácticas durante o período que podemos considerar de máxima vixencia social da filosofía krausista. Trátase do Sexenio iniciado coa revolución de 1868, revolución que pódemola considerar tamén como “revolución krausista”. O krausismo é a ideoloxía inspiradora do plan de reformas proxectado pola revolución, vencellado ao liberalismo progresista. Das realizacións prácticas postas en marcha pola esfera krausista imos salientar unha: A Asociación para a Ensinanza da Muller, que toma corpo dentro do sexenio revolucionario. Na ideoloxía krausista do organicismo social, a familia ocupa un lugar fundamental e a muller a súa vez é peza clave desta. Dende este punto de vista, toda a problemática da muller está tratada cun evidente puritanismo. A dignidade e igualdade da muller fronte ao home é adimitida no terreo da cultura e da educación, mais non así nas funcións ou división do traballo, por exemplo, o destino común é a familia, aquí a muller ten encomendada unha función específica: a de ser nai, nai do fogar, muller que axuda ao home, educando aos fillos..., en función destas tarefas que lle son asignadas ás mulleres debe cumprirse a educación das mesmas. Na educación da muller atopamos unha serie de disciplinas básicas para a súa formación: Relixión, Moral, Hixiene, Medicina, Economía doméstica, Labores, Belas Artes, Pedagoxía, Xeografía, Historia, Lingua e Literatura patrias, Lexislación nacional (sobre todo, o relativo a dereitos e obrigas da familia). Esta educación está enfocada cun gran sentido práctico, trátase de adquirir coñecemento para que sexan aplicados no círculo íntimo da familia. O obxectivo era acadar unha muller dignamente educada e verdadeira compañeira do home en todos os planos (doméstico-intelectual, moral-social, sexual-político), unha muller que xogaría un papel moi importante na realización dos ideais da Revolución: “axudar ao home na renovación relixiosa e intelectual, social e política, moral e económica na que estaban empeñados”.
A expectación que o tema da educación da muller espertou na sociedade do momento levounos a crear algunhas institucións que servisen para tal fin, por exemplo, en 1871 fundouse a Asociación para a Ensinanza da Muller; aínda que antes surxirán outras institucións das que convén dar conta: Escola de Institutrices (1869), Ateneo Artístico e Literario de Señoras (1869) que logo pasaría a chamarse “Ateneo de Señoras”, entre as damas da Xunta consultiva estaba Concepción Arenal (Ferrol, 1820-Vigo, 1893) unha das personalidades femininas máis salientables do século XIX, ben coñecida polas súas tarefas penitenciarias e de beneficiencia. En 1878 creouse a Escola de Comercio; en 1883, a Escola de Correos e Telegrafos; en 1884, empezou a funcionar a Escola Primaria Superior, logo a Escola Primaria Elemental e, máis tarde, a Escola Preparatoria para o ingreso na Normal de Mestras; en 1908, a Escola de Mecanografas... Todas estas institucións son reflexo da nova mentalidade de España nesta época. Non obstante, as pautas de comportamento que transmitía a educación feminina estaban baseadas na función doméstica da muller, o seu labor debía ser exclusivamente as tarefas domésticas e o coidado dos fillos.
As teorías que sobre a educación da muller desenvolveron os ilustrados no século XVIII ían dirixidas a unha mellor preparación desta que a capacitara para ser mellor esposa e nai, teorías que se no pasado século foron un paso adiante moi positivo –no sentido da extensión da educación á muller-, mais no século XIX estas teorías debieron quedar superadas. A idea de que a muller tiña igual dereito que o home á educación en canto que individuo, era aínda compartida por moi poucos e tardaríase moito tempo en que quedara reflectida primeiro na lexislación e logo na realidade social e política.