Vostede está aquí: Capítulo 1
Voltar a: Contidos
Xeral:
Que o século XX e a parte breve que aínda levamos do XXI foron o período máis decisivo ata o momento da Historia para as mulleres é algo fóra de toda dúbida. O xurdimento dunha conciencia específica de xénero e o reflexo desta conciencia nunha defensa xurídica, e xa non só moral, da necesidade de proteccións específicas (os dereitos como triunfos morais cun refrendo xurídico) para as mulleres é o rasgo actual máis interesante e atractivo, xunto a unha intención de internacionalización ou globalización de tales proteccións xurídicas, na forma de dereitos universais, a todas as mulleres do mundo. Este salto dende o local ao universal, a pesar de todas as súas dificultades, é outro dos retos aínda hoxe apenas esbozado pero que determinaran a axenda deste novo século das mulleres, que está comezando a ser o século XXI.
Mais, non hai que confundir procesos e realidades que son diferentes.
O discurso dos dereitos das mulleres en positivo, como algo que hai que afirmar e defender, e sobre todo, como algo cunha realidade xurídica, legal, reforzada polo imperio da lei, é algo moi, moi recente. Antes diso, a meirande parte do traballo realizado foi un traballo negativo, isto é, de negación da realidade existente, denuncia da condición da muller dentro desa realidade e necesidade de superación desa situación. Así pois, antes do discurso sobre os dereitos da muller, foi dominate a análise da “condición da muller” na sociedade de cada un dos séculos da historia da muller.
É certo que hai un incremento polo interese dese problema xusto no momento da irrupción nos séculos XVII e XVIII do discurso dos dereitos humanos, mais non houbo unha isomorfía perfecta entre ámbolos dous, isto é, a percepción do problema foi anterior, bastante, á formulación da necesidade dun cambio normativo que se reflectira no estabelecemento duns dereitos específicos.
Esta distinción é importante, porque nos permitirá buscar en outras épocas datos e análise da condición feminina, a pesar de que especificamente non se fale nelas, non se poda falar por imposibilidade conceptual, de dereitos da muller. Isto, en segundo lugar, permitirá comprender as raíces, que as ten, da defensa actual dos dereitos da muller, que non xorden da nada, senón dunha reflexión prolongada sobre os problemas e circunstancias da condición feminina primeiro e logo dun salto cualitativo, dende esta análise a un reflexo en dereitos legais positivados por medio de leis específicas.