Capítulo 6

6

6.     BREVE REFERENCIA Á SITUACIÓN DA MULLER  NAS ÉPOCAS PRE-INDUSTRIAIS.

Para comprenderen o enorme cambio que experimenta nas últimas décadas a condición feminina debemos comezar por facer  esta breve referencia.

Na comunidade primitiva, sobre unha división natural do traballo baseado na idade e sexo, os homes e mulleres desenvolvían a súas vidas nunha espontánea igualdade e participación da muller nas decisións do grupo social; aínda máis, as mulleres estaban cheas de respecto e consideración, trato deferente e ata privilexiado. Co aumento da riqueza aumenta a posición do home na familia e isto leva á sustitución do dereito materno polo paterno e comeza a posposición da muller. Como o gran tráxico grego, Esquilo escribira na súa obra Las Euménides: “Non é a nai quen enxendra iso que se chama o seu fillo; ela é só a nodriza do xerme depositado nas súas entrañas; quen enxendra é o pai. A muller recibe o xerme como unha depositaria estraña, e consérvao se así queren os deuses”.

Nas sociedades escravistas como na Grecia Clásica a condición feminina é de sometemento e inferioridade social e obxecto de menosprezo. Dicíase delas: “O escravo carece absolutamente da liberdade de deliberar; a muller ten pero de xeito feble e ineficaz” (Aristóteles); “ A mellor muller é aquela da cal menos falan os homes” (Pericles). As mulleres en Grecia estaban nunha minoría de idade: baixo o poder do titor xa sexa o pai, o seu home. A súa vida transcorreu baixo permanente tutela. A educación podémola resumir nesta outra frase: “A muller sabia debe permanecer encerrada na casa”. Non asisten á escola, nin reciben educación física. A súa única preparación consiste en aprender a cociñar e tecer. Excepcionalmente, e co permiso do pai, recibe clases de aritmética, lectura e música que a súa nai ou a súa avoa impartenlle no xineceo. Unha moza grega non tiña maiores dereitos que os nenos e os escravos. Os dereitos da muller non aumentaron con respecto ás civilizacións exipcia e mesopotámica. As leis recoñecían o divorcio e o repudio da esposa sen necesidade de alegar motivo algún. A muller só en caso de malos tratos, podía conseguir que se disolvese o matrimonio. Polo demais, pasaba toda a súa vida confinada no fogar, e tiña o seu cargo o coidado dos fillos e dos escravos sen que se lle permitise participar nos negocios públicos.

A condición da muller en Roma, tamén sociedade escravista, vén determinada polo dereito patriarcal, a propiedade privada e polo tanto, a familia (gens): a muller quedará suxeita ao patrimonio e á familia; quedou excluida de todo oficio viril, da vida pública e é unha menor civil. Aínda que mellorou un pouco a súa posición respecto da muller grega, pois tivo unha maior participación na sociedade, pese a todas as restriccións legais, sempre estivo baixo a tutela do varón. A sociedade romana  recoñeceu algúns dereitos ás mulleres, especialmente o dereito de propiedade, pero non lles abriu a actividade civil nin moito menos a pública, actividades que desenvolveron ilegalmente e de xeito restrinxido.

De maneira global podemos engadir que o traballo da muller nesta época –Idade Antiga- está relacionado co fogar e o coidado do mesmo. No traballo da muller grega e romana existiu diferenza entre o traballo das clases altas e baixas, en ámbolos dous casos non é un traballo recoñecido nin valorado.

Na Idade Media asistimo ao afundimento do escravismo e desenvolvemento do feudalismo. Aquí hai que ter en conta a influencia do cristianismo e as características da sociedade xermana ao considerar a condición feminina. O cristianismo contribuíu á opresión da muller; nos pais da Igrexa hai un menosprezo cara ás mulleres a quen consideran inferiores, servas do home e fontes de mal. Nesta época pois redúcense os avances da lexislación romana. As sociedades xermanas baseadas na guerra deron á muller unha situación secundaria polo seu menor fortaleza física e forza; pero, non obstante era respectada e tiña dereitos que facían dela unha asociada do seu cónxuxe.

Cristianismo e xermanismo influenciaron a condición da muller no feudalismo. A muller atopábase en situación de dependencia absoluta respecto do pai e do seu home. As mulleres desenvolven a súa vida totalmente sometidas ao señor feudal aínda que protexidas polas leis como propiedade do home e nai de fillos. O seu valor aumenta coa fecundidade, valor que perde cando xa non pode ser nai. Na época feudal tamén apreciamos a evolución da condición feminina, como en Roma, en función da restricción  dos dereitos dos señores e do aumento do poder real, pero mantense  o sometemento da muller. Non obstante, a muller aparece nesta época como raíña, ostentando un señorío ou incluso participando activamente na economía urbana nos séculos da Baixa Idade Media. No caso do medio rural, as campesiñas axudarían ós seus pais, irmáns, homes ou fillos no traballo da terra, ben na horta familiar ou no manso señorial,ademais de realizaren todas as tarefas da casa: amasaba o pan, preparaba a comida, coidaba dos animais domésticos, etc... o papel económico das mulleres nas explotacións campesiñas da Idade Media, rebasa o espazo estrictamente doméstico. Só as mulleres dos nobres tiñan unha discreta formación literaria e artística. Lían as narracións dos trobadores e novelas de caballería que estaban de moda. A música, a danza e o canto eran a súas actividades preferidas. En xeral podemos afirmar que na sociedade feudal a condición feminina é de sometemento, aínda que a situación das mulleres pobres parece diferente e suavizada fronte ao poder marital.

No Antigo Rexíme, o concepto que se tiña da muller e do seu papel social sufriu importantes cambios. As pautas, introducidas no século XVI a partir do humanismo cristián difundido por Erasmo de Rotterdam, non romperon de todo coa misoxinia herdada dos tempos mediavais. Se ben atopamos mulleres humanistas, como Mencía de Mendoza, o cometido da muller é fundamentalmente doméstico. Tres son a súas funcións: ser boa nai e esposa, ordenar o traballo doméstico, e perpetuar a especie humana. Fray Luis de León na súa obra La Perfecta Casada recolle a doutrina do Concilio de Trento e traza o perfil ideal de muller: modesta, recatada, obediente, sacrificada, defensora do propio honor e do familiar, educadora dos fillos, etc... Mais este perfil non era de todo real, pois na España do século XVII eran correntes as relacións prematrimoniais, abondaba o adulterio, os fillos ilexítimos, o aborto....Pero non podemos falar do Antigo Réxime sen facer mención á apertura que significou a Ilustración. A Ilustración defendeu a razón fronte á revelación diviña e diferentes pensadores ilustrados mantiveron nese marco a igualdade entre homes e mulleres como consecuencia da atribución a ámbolos dous sexos da capacidade de raciocinio. Os ilustrados defenderon toda unha serie de ideas que serviron de apoio á causa feminista posterior como: a idea de progreso, a idea de razón ata a defensa do poder da educación para a plena realización do individuo. Vaia como exemplo disto un fragmento da Real Cédula de Carlos III, na que se potencia o traballo das mulleres. Malia ás limitacións, (faise referencia á necesidade de instruír só ás mulleres das clases populares e só nalgunhas ramas da producción), significa un paso adiante:

“(...) e habiendome conformado con el dictamen del Consejo, se expidieron en su consequencia las ordenes correspondientes para que por el citado Gremio de Cordoneros de Valencia, ni otro alguno, sin embargo de sus privativas, no se embarazase con ningún pretexto, ni motivo el que por sus individuos, e otro cualquiera se enseñase a las niñas e mugeres el hacer botones, e otra qualquiera manufactura propia de su sexo e fuerzas mugeriles; e que las que supiesen construirlos, ó fabricarlos las pudiesen vender de su cuenta libremente, lograndose de esta forma el no tener ociosa estas manos, e que los hombres se pudiesen aplicar a la agricultura e otras operaciones de mayor trabajo, o al servicio de las armas e marina (...); considerando las conocidas ventajas que se conseguiran de que las mugeres e niñas esten empleadas en unas tareas propias de sus fuerzas e en que logran alguna ganancia, que a unas puede servir de dote para sus matrimonios, e a otras con que ayudar a mantener sus casas e obligaciones; e lo que es mas libertarlas de los graves perjuicios que ocasiona la ociosidad...”.  (Real Cédula de S. M. e Señores del Consejo do ano 1779).

No mundo contemporáneo a sociedade industrial incorpara á muller ao traballo extradoméstico. Este acceso lévase a cabo en termos de evidente desigualdade co varón. Trátase dunha man de obra barata e abundante que precisa ese primeiro desenvolvemento industrial.

Ata aquí podemos observar que a muller ocupou como regra xeral unha posición subordinada con respecto ao home nas sociedades que anteceden á actual.

Na sociedade actual situamos a loita das mulleres por conseguir a plena igualdade cos homes. Nesta época comeza a tomarse conciencia dos  dereitos da muller ; dereitos e deberes que compartidos axudarán a establecer as bases dun mundo máis xusto.

 


(C) 2007 - Quedan todos os dereitos reservados

Imprimir esta folla