Capítulo 3 |
||||||||||||||||||||||||||||||
3. OS DEREITOS E LIBERDADES DOS INDIVIDUOS EN ESPAÑA: Desde o Estatuto de Bayona (1808) ata a Constitución de 1978.Dado por sentado que os dereitos da muller desenvólvense nun marco xeral de evolución dos dereitos humanos en xeral cumpre, non obstante, sinalar o seguinte: Durante a Idade Media a inseguridade dos campesiños lévalles a estabelecer contratos feudais cos señores polos que se converten nos seus servos. Nestes contratos fíxanse os térmos da relación na que a meirande parte dos dereitos están do lado dos señores e a meirande parte dos deberes está del dos servos. Xeneralmente os aspectos contratados son de tipo económico mais o estabelecemento dos señoríos como entidade xurídica e social supón a primacía do señor tamén en aspectos xurídicos, xudiciais e de administración. O señor acostumaba a comportarse como un rei no seu propio territorio. A sociedade da Idade Moderna segue sendo estamental malia que, dende a Baixa Idade Media, a aparición da burguesía vén poñer en crise ese sistema. A burguesía escápase da dominación xurídica dos señoríos e acada cotas de liberdade da que non gozan os campesiños servos. Algúns membros desa burguesía van enriquecéndose progresivamente, co comercio primeiro e coa industria despois, o que lles leva intentar o ascenso social comprando títulos de nobreza. Porén o sistema é tan pechado que moi poucos poden acceder a esa condición de nobreza. Durante o século XVIII o aumento das clases populares urbanas e o desenvolvemento da burguesía fai que aumente o sentemento de inxustiza social e política. As ideas de algúns filósofos así como,pouco despois, as doutrinas do socialismo e comunismo utópicos comezan a proclamar os dereitos para todos os individuos. Con estes antecedentes chégase ao final do Século XVIII co firme desexo do tercer Estado de reclamar os mesmos dereitos para todos (o que se estende a todo o Século XIX). A partir da existencia en diversos países de Europoa e de América da constitución como lei escrita suprema que rexe a vida política do país, recóllense nela os dereitos e deberes aceptados pola maioría. As primeiras declaracións de dereitos foron a de 1776 de Virginia nas colonias inglesas de América e a declaración dos Dereitos do home e do Cidadán que proclama a Asemblea Nacional Francesa de 1789 e que se recolle na Constitución Francesa de 1791. Ámbolos dous textos inflúen decisivamente no constitucionalismo, non só en España, senón en todos os países que van incorporándose ao longo do século. Actualmente os dereitos e liberdades podénse agrupar en tres apartados: - os dereitos e liberdades persoais. - Os dereitos cívico-políticos. - Os dereitos económico-sociais. É moi interesante facer un repaso dos dereitos e liberdades que recolle cada texto constitucional para darnos conta de algúns aspectos que poden pasarnos desapercibidos da historia ou que no momento presente resúltannos increíbles. Os textos constitucionais que se consideran máis conservadores son máis restrictivos e recollen menos dereitos e liberdades mentres que os textos máis progresistas amplían no posible eses dereitos e liberdades. Na táboa seguinte saliéntanse máis aqueles que van aparecendo ou que resultan de interese particular.
Dende un punto de vista mais detallado, pódese engadir a este esquema-resumo os seguintes comentarios:
CONSTITUCIÓN DE BAIONA DE 1808: Considérase unha carta outorgada, posto que non foi elaborada polos representantes da Nación. Naceu dun contexto complexo, ditado fóra do territorio nacional e cun marcado carácter afrancesado, apoiado polos liberais moderados. O proxecto de Estatuto foi presentado por Napoleón a 65 deputados españois aos que só se lles permitíu deliberar sobre o seu contido. Non existíu vontade previa de elaborar un documento constitucional, impúsoselles un texto e aceptouse por unhas Cortes reducidas convocadas en territorio francés. Respecto dos dereitos e liberdades, cabe salientar o exacerbado carácter confesional que se lle atribúe a España: O artigo 1 sinalaba que “ A relixión Católica, Apostólica e Romana, en España e en todas as posecións españolas, será a relixión do Rei e da Nación e non se permitirá ningunha outra”. Nun último título contémplase (disposicións xerais) unha serie de dereitos e liberdades. A influencia da Revolución Francesa foi importante: regúlanse dereitos dos inicios do liberalismo burgués, o que supoñía un avance respecto a situación existente: - Supresión de alfándegas interiores. - Inviolabilidade do domicilio. - Liberdade persoal. - Dereitos do detido e preso. - Abolición do tormento (relacionado coa integridade física e moral).
Hai que dicir que, aínda que se trata dunha “constitución” proposta dende Francia para España, porén, non incorpora moitas das evidentes melloras constitucionais e legais en xeral que se foron incluíndo na propia Francia dende 1791.
CONSTITUCIÓN DE 1812:
A constitución xogará un papel moi importante en canto símbolo do constitucionalismo decimonónico: representa a bandeira do liberalismo español durante décadas fronte ás posicións absolutistas. A pesar do seu simbolismo, a súa vixencia foi moi reducida e intermitente: estivo en vigor só seis anos e en períodos distintos: - 1812 a 1814 (volta Fernando VII e deroga o texto). - 1820 (inicio do trienio liberal) a 1823. Volta Fernando VII cos 100. 000 fillos de San Luis e volve a derogarse. - 1836 a 1837 (cando promúlgase unha nova constitución). En relación cos dereitos e deberes dos cidadáns, a constitución carece dun título específico, pero ó longo do texto recóllense de forma diseminada distintos dereitos. Por unha banda, o artigo 12 (a relixión da nación española é e será perpetuamente a Católica, Apostólica e Romana, e a nación protexea por leis sabias e xustas e prohíbe o exercicio de calquera outra) é confesional e cerradamente confesional, ao impoñer unha relixión e prohibir o resto. É pois, a sensu contrario, a negación da liberdade relixiosa. Incluso no proxecto de código penal de 1820, que é un resultado desta constitución, impónse a pena de morte a quen defenda calquera outra relixión diferente da Católica. Os dereitos recoñecidos e diseminados polo texto reproducían os dereitos individuais burgeses importados da Revolución francesa; así, o artigo 4 fala da liberdade civil, a propiedade e os demáis dereitos lexítimos. A igualdade parece enunciada de forma menos enfática que na Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1789, formúlase a existencia dun só foro para toda clase de persoas en causas civís e criminais e recoñecíase o sufraxio activo. Existía liberdade de expresión (excepto no relativo aos escritos relixiosos). Manifestábanse garantías nas detencións e procesos xudiciais: prohibición do tormento, inviolabilidad persoal e domiciliaria, o Habeas Corpus, a ser informado das causas, entre outras. Dedicábase un título específico á instrucción pública, dando importancia á ensinanza e recoñecendo o dereito a unha instrucción pública para todos os cidadáns.
ESTATUTO REAL DE 1834: Co sistema do Estatuto Real instáurase un réxime de natureza oligárquica: o corpo electoral non chega ao 1% . Pensado para manter os privilexios da Coroa e dunha minoría. Este código político diferénzase basicamente dunha constitución por non conter referencias aos dereitos e liberdades e non emanar da vontade popular.
CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA DE 1837: O Estatuto Real mantívose vixente ata 1836, cando a Garda Real da Granxa, impuso á raiña Rexente o restabelecemento da Constitución de 1812 e a convocatoria de Cortes Constituíntes. Mantíñase a declaración de soberanía nacional e dos dereitos cidadáns do texto gaditano, a división de poderes e un cambio no sistema electoral. Aínda que tamén se fixeron concesións aos liberais moderados (dereito de veto da coroa sobre as leis elaboradas polas cortes, designación da metade dos senadores polo rei) etc.
CONSTITUCIÓN DE 1845: Trala renuncia da raíña Rexente en prol de Espartero, disólvese o Senado, proclámase a maioría de idade da raíña Isabel II, e convócanse novas Cortes para reformar a Constitución. O texto resultante non é unha simple reforma do anterior, senón que se remite a regulación dos dereitos proclamados a leis posteriores que resultaron fortemente restrictivas. Destaca na parte orgánica un aumento dos poderes do rei. Continuou a relixión católica como relixión oficial do Estado. Foi unha constitución conservadora, restictiva na regulación de dereitos e liberdades, que estabelecía a soberanía compartida entre o Rei e as Cortes.
PROXECTO CONSTITUCIONAL DE 1852: Trala Revolución de 1848, o conservador Bravo Murillo, presidente do consello de ministros durante a Década Moderada elaborou un proxecto constitucional en 1852 cuxo obxectivo era voltar a unha normativa absolutista máis propia do Antigo Réxime ou do Estatuto Real de 1834. A oposición ao texto constitucional foi de tal natureza que non prosperou.
CONSTITUCIÓN NON PROMULGADA DE 1856: Pónse en marcha o Bienio Progresista que vai a redactar un proxecto de constitución. Esta constitución do goberno de O’Donnell non era máis cá constitución do 45 cunha acta adicional onde se recollían algúns principios progresistas.
CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA DE 1869: Primeiro intento de crear un Estado democrático. Despois de que a Corte fuxira cara a Francia, o poder supremo confiouse ao xeneral Serrano, que convocou Cortes Constituíntes que elaboraron un novo texto constitucional. Esta constitución foi unha constitución democrática que estivo vixente ata o ano 1871. A soberanía era nacional e o poder estaba dividido: o poder lexislatico tíñao as cortes, o poder executivo residía no rei e o poder xudicial nos tribunais. A relixión católica segue a ser a relixión oficial do estado aínda que podíase exercer calquera outra en privado. Manténse, porén, o sufraxio universal só masculino. Recollía un elenco moi completo de dereitos e liberdades.
PROXECTO DE CONSTITUCIÓN FEDERAL DE 1873: Elaborada durante a I República que non chegou a promulgarse, definía a España como unha República Federal, integrada por dezasete Estados, que se daban a súa propia constitución e que posuirían órganos lexislativos, executivos e xudiciais, segundo un sistema de división de competencias entre a Federación e os Estados membros. Porén, a imposibilidade de chegar a un acordo para artellar o funcionamento dos Estados dentro da federación, impediu que chegara a bo fin o proxecto.
CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA DE 1876: Trala disolución da I República polo xeneral Pavía, non conseguíu que ningún grupo político ofrecera unha fórmula estable de goberno. Nesta situación, o futuro Afonso XII, dende Inglaterra dirixíuse aos españois ofrecéndose para gobernar baixo a fórmula de monarquía liberal.
PROXECTO CONSTITUCIONAL DE 1929: O golpe de Estado de Primo de Rivera presentábase como unha medida excepcional e transitoria para solucionar os graves problemas vixentes. O réxime establecido por Primo de Rivera foi esencialmente autoritario, populista, paternalista e excesivamente optimista. Fracasada a etapa constitucional de 1876, por considerala a causante de todos os males políticos de España, en xullo de 1929 presentouse o proxecto de nova constitución que establecía: · unha organización territorial unitaria e centralizada; · unhas Cortes ou Asemblea única de composición tripartita e desigual (a metade dos deputados elixidos por sufraxio universal, outros designados polo rei e os demais eran de representación corporativa); · a relixión católica como a oficial do Estado; · un Consello do Reino consultivo do monarca para a designación do xefe do Goberno e para a aprobación ou veto das leis. Este proxecto foi acollido con fortes críticas, tanto polos políticos liberais como polos partidos de esquerdas, e ante a falta de apoio, foi retirado.
CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA DE 1931: Asistimos ao segundo intento de afianzar un Estado democrático (1931-1936). Algunhas das características que presentaba esta constitución son: · Dende o punto de vista da organización do territorio esta constitución intentou harmonizar as esixencias dos federalistas e as dos unitarios-centralistas. A solución foi o chamado “Estado Integral”: o Estado era único, pero as rexións podían acceder se querían a unha autonomía máis limitada cá actual. · Outra característica foi a estricta separación que se estableceu entre igrexa-estado para evitar as interferencias desta. · Sistema unicameral. · A característica máis salientable da 2ª República foi a creación dun tribunal co obxectivo específico de protexer a constitución. · Amplo catálogo de dereitos individuais, por exemplo, sufraxio universal para homes e mulleres maiores de 25 anos. Especialmente, o voto feminino introdúcese por primeira vez no noso país.
LEIS FUNDAMENTAIS DE 1938-1977: Coñécense como o conxunto de leis que establecían o entramado político-institucional do modelo de Estado instaurado polo xeneral Franco trala Guerra Civil española. Esta dictadura de carácter persoal e autoritario suprimiu as liberdades políticas e a nova legalidade estivo representada polas chamadas Leis Fundamentais elaboradas por Franco e os seus colaboradores e aprobadas por unhas Cortes non representativas.
CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA DE 1978: Constitución vixente na actualidade. O logro máis importante desta Constitución de 1978 é que contribuíu a resolver problemas históricos que empañaban a vida do pobo español dende había un século. O estabelecemento dun novo Estado de Autonomía Rexional, a regulación do papel da Coroa e a des-estatalización da igrexa, foron elementos esenciais para canalizar, de maneira pacífica, conflictos ata entón endémicos.
|
||||||||||||||||||||||||||||||
(C) 2007 - Quedan todos os dereitos reservados |
||||||||||||||||||||||||||||||