Capítulo 15

Pagina nueva 1

15.                          A MULLER NA TRANSICIÓN E A DEMOCRACIA.

 

Os anos que transcorren a partir de 1975 son anos de profundas transformacións; dende o punto de vista demográfico podemos salientar o descenso da tasa de natalidade, quizais pola profunda transformación da mentalidade e dos costumes nos últimos decenios. Estas transformacións producidas xeración tras xeración foron definitivas para que se producise un regulamento da natalidade.

Factores como o nivel de vida ou a descristianización foron causantes deste descenso da natalidade, pero tamén hai que observar dous cambios sociais moi importantes, un deles foi a ruptura do esquema tradicional da familia, a cuxa nai correspondía o papel de ama de casa, quen agora traballa xa non só dentro do fogar senón tamén fóra del.

Outro dato de interese é a tendencia á baixa taxa de nupcialidade e o retraso na idade de matrimonio a partir da década dos 90; isto é principalmente, debido a que os mozos e mozas actualmente dan maior importancia aos estudos e ao traballo retrasando así o matrimonio e a maternidade levándoa ao límite da idade fértil.

Estes datos son importantes para comprenderen o cambio estructural da familia española. A familia contemporánea rompe coa estructura clasista e crea unha nova familia cuns novos valores máis igualitarios entre os seus membros.

No ámbito da educación dende o ano 1970 o número de mulleres analfabetas foi diminuendo cun notable aumento a partir da década dos oitenta. Esta reducción débese á lei xeral de educación de 1970 na que se declara que a ensinanza en España é obrigatoria e gratuita e que o dereito de todos os españois á educación non poderá ser obxecto de discriminación.

Na actualidade foi incrementando o número de mulleres que posúen estudos medios ou formación profesional así como titulación superior.

Un dos procesos de cambio social máis salientables durante este periodo de transición política á democracia é a progresiva participación da muller no mercado de traballo. A taxa de actividade das mulleres foi aumentando dende 1981, malia que hoxe aínda é unha das máis baixas da Comunidade Europea.

Os factores estructurais que favorecen esta progresión, son o forte aumento do nivel educativo e os decrecentes niveis de fecundidade.

Este acceso das mulleres ao mercado de traballo pode considerarse como o cambio máis importante experimentado pola sociedade española nos últimos vinte anos.

Á morte de Franco acelerouse o proceso de apertura política que culminou coa Constitución de 1978. En dita constitución contémplase ás mulleres con igualdade de dereitos, tanto individuais como sociais, como se establece nos artigos 14, 32 e 35.1.

Os dereitos á participación total nos asuntos e os cargos públicos maniféstase no artigo 23.

Entre 1977 e 1978 aprobáronse tres leis reformadoras do código penal que eliminaban a figura da muller como “vítima de estupro e rapto”, así como xuízos de carácter moral tales como “doncellez” ou “acreditada honestidad”, debido fundamentalmente á presión dos grupos feministas e os sectores profesionais máis renovadores.

A primeira reforma do Estatuto dos Traballadores amplía a dezaseis semanas o permiso de maternidade e establecense medidas para favoreceren a igualdade de trato da muller.

En canto ás reformas na lexislación civil, podemos salientar dous medidas básicas nas que se plantean os seguintes puntos:

1.- titularidade e exercicio da patria potestade sobre os fillos comúns, administración e disposición dos bens do matrimonio que se levará a cabo coa plena disposición de ambos cónxuxes.

2.- igualdade de dereitos e deberes no matrimonio.

En canto á participación política, nas primeiras eleccións dende o asentamento do Estado democrático, os diferentes partidos incluíron nos seus programas diversas reivindicacións do movemento feminista. A dereita democrática recoñecía a igualdade entre home e mulleres, unha política educativa e cultural para a muller e a protección á familia. O PSOE e o PCE recoñecían as demandas dos grupos feministas, prometían a creación dun sistema coeducativo e igualitario en todos os niveis da educación.

O triunfo da esquerda marcou o inicio da caída do feminismo organizado como movemento político independente que foi asumido polos partidos políticos convencionais.

Nas segundas eleccións democráticas o número de mulleres deputadas multiplicouse  por tres, pasando do 6% ao 22%. Dende 1979  o número de mulleres senadoras vai incrementándose considerablemente. Dende 1990 aumentou en cinco puntos a participación das mulleres no goberno. As comunidades con maior incremento de mulleres son Castela-A Mancha e Navarra (datos do 2001).

Nas últimas reformas dos regulamentos electorais todos os partidos políticos comenzan a introducir a paridade total nas candidaturas. Non pasará moito tempo, esperamos, ata que a primeira muller presidenta do goberno sexa elixida no noso pais.

 


(C) 2007 - Quedan todos os dereitos reservados

Imprimir esta folla